Xoán Fórneas caracterizado como Castelao.

Xoán Fórneas caracterizado como Castelao. Cedida

Ofrecido por:

Audiovisual

Xoán Fórneas, actor galego detrás de Castelao: "El era un máis do pobo que loitaba pola xente"

O intérprete lucense, que alcanzou máis popularidade polo seu papel na serie 'Respira' de Netflix, estréase no seu primeiro papel protagonista poñéndose na pel dunha das figuras máis importantes da cultura galega: este 23 de maio chega aos cines 'Antes de nós"

Máis información: La película sobre Castelao, 'Antes de Nós', estrena tráiler con el gallego Xoán Fórneas

Publicada

Castelao é unha das figuras máis emblemáticas da cultura de Galicia, dende o seu lado máis persoal como marido e pai que perdeu un fillo ata o de artista, político, deputado ou exiliado: foi ministro do Goberno republicano no exilio e morreu en Bos Aires.

A súa vida estivo marcada intensamente pola cultura, xa que pertencía á Xeración Nós, que integra os escritores galegos máis destacados do século XX, e tamén pola política, dado que chegou a presentar o primeiro borrador do Estatuto de Autonomía que foi tumbado polo inicio da Guerra Civil no 1936. Castelao tiña un forte sentimento nacionalista que o levou a ser deputado e a enfrontarse ao poder caciquil ao mesmo tempo que se alonxaba artísticamente da vida burguesa de Pontevedra, onde viviu.

Rianxo foi outro dos lugares que marcaron a súa existencia e antes dos seus primeiros pasos en política, pasou de exercer como funcionario en Pontevedra a ser médico nunha das épocas máis difíciles e negras da historia do país: a gripe española. Na película Antes de Nós, que non é un biopic, quérese mostrar a "Castelao antes de ser Castelao e a Galicia antes da Xeración Nós" e trátanse outros momentos que condicionaron a súa vida e pouco coñecidos como a súa viaxe a Bretaña no 29, que supuxo un punto de inflexión.

O principal encargado de representar estas vivencias e o personaxe é o actor galego natural de Lugo Xoán Fórneas, un rostro popular por diferentes papeis, pero principalmente polo seu personaxe en Respira, a serie médica española de Netflix que xa grabou a segunda temporada. Leva actuando dende que era neno e de adolescente convenceuse de que quería orientarse profesionalmente á interpretación, o que o levou este 2025 a estrear unha película na que ten o papel protagonista, o primeiro da súa carreira e na súa terra.

Entre os seus compromisos profesionais, mantivo unha amena conversa con Quincemil e Treintayseis, contando detalles desta rodaxe para a que tivo que prepararse coidadosamente durante meses, tanto física como mentalmente, ademáis de afrontar retos como imitar a característica forma de falar de Castelao.

O actor galego Xoán Fórneas.

O actor galego Xoán Fórneas. Cedida

Como chegou esta oportunidade de ser Castelao e que supón para ti como galego representar a un personaxe tan importante?

Realmente fixera a proba para outro personaxe e un día que ia viaxar a Italia de vacacións estaba literalmente para despegar e de poñer o modo avión e recibín unha chamada de que me querían para ser protagonista. Non fixera a proba para Castelao, verían algo en min, pero sentía algo días antes de que ía facer esa personaxe.

Sorprendeume pero non tanto porque tiña esa intuición de que había algo relacionado con iso que me pasaría e lóxicamente recibino con alegría porque é a primeira personaxe protagonista a nivel carreira en Galicia e quero seguir facendo cousas aquí, porque estamos nun momento moi bo con directores con proxectos marabillosos. A alegría do primeiro papel protagonista da miña vida e a responsabilidade de que sexa Castelao... tiven que intentar quitar esa presión da cabeza porque son consciente de que este personaxe poden facelo moitos outros actores

Estou encantado co marabilloso guion de Coira e as ordes de Ángeles. Sobre Castelao investiguei todo o posible da súa vida, da súa obra, os vídeos que hai escoitando todos os discursos grabados e unha vez entendín quen era Castelao en profundidade, díxenme que tiña que esquecer iso e buscalo dentro de min, facer esa viaxe.

A inspiración encontreina no meu avó. El viviu na mesma época, ten un humor incrible, ten 86 anos e está cego como Castelao, hai certos paralelismos a nivel humanidade, que é o que se trata de facer no cine, e tamén logo busquei un Castelao político, como se cultiva ese xerme nel, tratando de buscar o código ético desta gran persoa que ao final tamén era un político.

Un dos teus maiores retos foi o da dicción, ese falar como Castelao, algo moi característico. Foi o maior reto para ti nesta película?

Probablemente, porque ten unha dicción completamente distinta: onde abre as vogais noutra variante pechan, o tema do seseo e da gheada tamén están presentes e o do h aspirado, porque naquela época era moito máis forte ese son. Traballei con diferentes profesionais de Rianxo que me axudaron a atopar esa naturalidade e fun por alí a escoitar a xente falar, foi un reto pero encanotume.

Gústame poder compoñer a personaxe en tantos aspectos tanto no lingüístico como físicamente, xa que levei unhas alzas que foron un pouco inferno, aínda que acostumeime porque el medía dous metros. Tiven que perder como oito kilos para asemellarme e estar un pouco forte, facer ximnasia (risas).

Foi algo difícil isto en Galicia no verán, porque tiven que cortarme, quitarme de moitas cousas, como o pan. Empecei en abril do ano pasado aproximadamente a relación con este proxecto e a rodaxe foi en setembro, facía tres ou catro meses que sabía que ía ser Castelao.

Nese tempo fun ao museo de Pontevedra e fixen unha visita de catro horas na que pasaron moito tempo contándome para entender o arte galego desde a prehistoria prácticamente, o arte na pedra...no mes de xullo comecei co proceso e en agosto levei a cabo ensaios máis específicos co resto do elenco e tiven tamén que aprender a montar a cabalo, a escrita como a facía el, aprender a súa caligrafía, a debuxar un pouco... dous meses de preparación diaria antes de arrincar a rodaxe.

Castelao foi unha personaxe con moitas caras: médico, pai que perdeu un fillo, político que se rebelou contra os caciques, un deputado, artista, exiliado... Con cal Castelao te identificas máis?

Identífícome co Castelao artista, que ten unha cara A co tema de poder facer este tipo de proxectos arredor da súa figura e unha cara B porque a industria é complexa e ás veces pode chegar a ser un o seu propio inimigo e a Castelao lle pasaba un pouco isto. Penso que lle gustaba dicirse a sí mesmo que era artista, sobre todo gústache dicilo como me pasa a min, que tes a túa carreira, vas collendo experiencia e saen as cousas ben e vas confiando máis.

E tamén me sinto moi identificado con Castelao no que respecta á miña experiencia recente, cando estiven en Nova York de viaxe onde impresionoume a cantidade de xente que fala alí galego con acentazo. Flipei porque sentía que estaba na casa, ese sentimento de irmandade, de xuntanza, que era Galicia tal cal e emocionoume porque esa visión política que el tiña de loitar pola terra e a xente e trasladar esa mensaxe con esta experiencia de Nueva York que tiven sentín que o conseguiu.

Chegar alí e ver que o teñen como un referente, onde sinten case máis admiración por el que aquí en Galicia, ese sentimento de comunidade, de irmandade, de Galicia no corazón... estaba que non daba crédito.

Xoán Fórneas.

Xoán Fórneas. Cedida

Algúns escenarios onde se grabou Antes de nós foron frecuentados polo propio Castelao en vida. Cal destes lugares foi o que máis te emocionou?

O que máis me impresionou e impactou lóxicamente foi o final da película que grabamos en Fisterra porque esa posta de sol e o significado da escena, que supón unha liberación de toda a carga emocional que esixe o resto da película, a sensación de estar baixo unha presión tremenda... foi un momento liberador como actor que traballa desta maneira, ese día marcou un antes e un despois.

Tamén destacaría a escea do cemiterio, na que a carga dramática a lexa Virxinia, a muller de Castelao, que foi tamén ese día. Rodei todos os días prácticamente todas as esceas.

Cales foron os detalles menos descoñecidos de Castelao que te sorprenderon máis á hora de preparar o personaxe?

Fai pouco entereime dun detalle, o feito de que el fora infiel e enganara a Virixinia desmitificaba en parte o heroe, pero facíao máis humano, aínda que non é unha acción loable. Ensalzamos a figura de Castelao e cometer un erro de matrimonio na época nese affaire bastante apaixoado, que non se cortaba un pelo... era algo bastante descoñecido, pero axudoume a entender a súa forma de ser e tamén de cómo era a época e condealo por este feito daba rabia pero era demasiado impulsivo e artista, pero era un rasgo máis do seu carácter, un pouco gamberro e sen vergoña.

Pero isto non quita o seu aporte intelectual, porque de todos os erros aprendes, pero o feito dese matrimonio, de que ela fora capaz de perdoalo... demostra o valor dos personaxes, de que pertencen á vida cotiá, independentemente do intelectual.

Él sentía, apreciaba, escoitaba... era un artista que amaba a terra. Sabíamos un dato e traballamos con el no film, que é que antes de que Castelao e Virxinia emprenderan a viaxe a Bretaña ela toleou, ía todas as tardes ao cemiterio onde estaba enterrado o seu fillo. Hai detalles moi curiosos que aportan información, sobre todo desa dor que ambos viviron pola morte do neno.

Castelao formaba parte da Xeración Nos, entregou o borrador do primeiro Estatuto de Autonomía que tumbou a Guerra Civil en 1939... unha figura sobradamente coñecida en Galicia e internacionalmente. Cal é a mensaxe que queredes transmitir coa película?

Falo desde o punto de vista actoral, a directora terá un punto de vista máis xeral, pero con respecto ao meu traballo gustaríame que a xente saíra de ver a película sentindo que o coñecía, que podería ser unha persoa que forma parte da súa vida. Penso que para entender a ese artista dalgunha maneira e o que significou para a nosa cultura e para nós hai que entender que era un máis do pobo e que loitaba pola xente, para que todos se sentiran máis orgullosos de ser galegos.

Era a súa loita, a loita pola identidade de Galicia, pola nosa cultura que moitas veces foi despreciada, e el loitou por esta identidade propia que intentaron roubarnos. Loitou pola tradición oral, que se mantivo grazas a xente real coma campesiños e demais colectivo e el sentíase un máis, sentíao no corazón. A min emocióname moito como el sentía este país, lembrábame moito á miña casa, a miña escola, ao meu avó... o país conformámolo todos e o rural máis aínda.

"A inspiración encontreina no meu avó. El viviu na mesma época, ten un humor incrible, ten 86 anos e está cego como Castelao"

Xoán Fórneas, actor

No tráiler escoitase dicir a Castelao que "a mellor forma de entender as cousas é debuxalas". Sobre estas ilustracións de Castelao, hai algunha que admires especialmente ou que che servira de inspiración durante o proceso da película?

Non as coñecía todas e no film visualizábamos estas imaxes, deixabámolas repousar días e logo tratábamos de compoñer o que víamos e o que nos inspiraba, varios dos seus debuxos inspiraron a esencia do personaxe, emocionalmente tamén, e esta frase que dicía nunca reparara niso pero vendo os seus debuxos e o que había detrás, fixen un traballo pasado polo meu filtro, pero inspirábanme os seus debuxos.

Entendía cousas do guion e referencias a través dos seus debuxos. Na película hai planos fotográficos que beben precisamente destes debuxos e os planos tratan de emular os debuxos dalgunha maneira, un guiño deles representándoos cinematográficamente. De feito na web da TVG hai un making of no que comparan as esceas coas ilustracións. Moito traballo de investigación detrás meu e de todo o equipo maravilloso.

A muller de Castelao, Virxinia, foi unha peza clave para construir á figura na que se convertiu ao teu xuízo?

Por suposto, porque ademais outra das cousas que me impactaron moito foi o momento no que vimos as súas cartas. A min impactoume moito porque era unha muller que non falaba galego ata que coñeceu a Castelao que fixo do galego a súa lingua principal e falala con el é a maneira na que escribía en galego, esas cartas ao neno morto, para min é alta literatura. Alucinábame a sensibilidade, a maneira de escribir, desde logo había detrás dela unha mente brillante e era unha muller que estaba destruida por perder un fillo pero que tiña moitísima altura, unha muller moi avanzada para a súa época e penso que se ela non estivera detrás poñendo ao seu marido no seu lugar a nivel artístico, de que se coñeza a súa obra... pelexou moito por iso, foi o seu motor.

Os homes ao final na historia teñen máis protagonismo pero ela era unha figura interesantísima, brillante, e penso que sen ela a imaxe que temos de Castelao non sería igual hoxe en día, era a súa mánager dalgunha maneira naquela época, unha visionaria, alguén fundamental.

Qué outra personaxe galega do mundo da cultura elexirías para facer un proxecto semellante a Antes de nós?

A Eduardo Blanco Amor porque é un autor homosexual, encantaríame, lin unhas cartas interesantes que escribiuse con outros autores.

Consideras que hai actualmente un boom por Xoán Fórneas? Cáles son os teus próximos proxectos?

Acabo de rematar de rodar a segunda temporada de Respira para Netflix, que axudou a darme a coñecer un pouco máis. Agora mesmo teño algo entre mans sen confirmar, pero teño ganas de volver á musica. Son actor e estes anos puxen o foco niso, pero a música é algo que me acompaña desde que son moi pequeno.

Traballei en cruceiros como cantante hai anos, nalgún espectáculo musical, pero finalmente tirei máis polo cine, comecei no audiovisual e trasladeime a Madrid. Nunca abandonei a música pero a nivel profesional non ocupou tanto foco, pero é algo fundamental na miña vida presente todos os días e ando con ideas na cabeza que espero poder materializar pronto.